Sinopsis
Manu, sendo neno, namorouse platonicamente da gran pianista Stella Panini e o seu soño é coñecela. Para iso, seguindo o consello dun turbio personaxe, Stefano Salegi, que logo se converterá en xerente, formará unha orquestra. Pero Manu, ademais dun soñador con maiúsculas, é tamén un incomprendido, un outsider que vai por libre, empezando pola peculiaridade do seu instrumento, que non é outro que a escoba… Iso non lle impide crear unha peculiar orquestra formada por unha contrabaixista que sente proídos na axila cando está nerviosa, dous irmáns xemelgos que tocan os ventos e contan cun olfacto sobrenatural, un contra tenor bigotudo e un percusionista que toca un triángulo no que se pousa un xílgaro.
Acompáñaos, ademais, unha cabra xitana que fai o número da escaleira.